HISTORIA DOS ENCONTROS

O VINDEIRO ENCONTRO DE CABO DE CRUZ, SUMARÁ 22 ANOS DESTAS XUNTANZAS

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) convoca cada dous anos dende 1993, o ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE GALICIA entre as súas asociacións. A este evento están convidadas tódalas asociacións pertencentes á FGCMF e entidades afíns, tanto de Galicia como de Portugal, Irlanda, Francia, País Vasco, Cataluña, Andalucía, Levante ou Illas Baleares, así como particulares e institucións.

Nestes 22 anos a FGCMF organizou once encontros: Ribeira 1993, Coruxo 1995, O Grove 1997, Rianxo 1999, Poio 2001, A Illa 2003, Cambados 2005, Ferrol 2007, Muros 2009, Carril 2011 e O Freixo 2013. Agora está convocado o XII Encontro no porto de Cabo de Cruz no Concello de Boiro.

O Encontro consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, así como doutras zonas xeográficas, acompañados de actos culturais e de lecer, xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía, etc.

A celebración do mesmo, ten por obxecto principal poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo. Por outra banda, os Encontros serven para amosar o traballo no eido da recuperación do patrimonio feito polas asociacións, e ó mesmo tempo, supón unha actividade de dinamización social e de lecer, converténdose nunha festa atractiva para os cidadáns e visitantes da vila que acolle o Encontro.

É preciso subliñar un aspecto que non sempre é percibido en relación ao traballo que ven desenvolvendo a FGCMF respecto do Patrimonio Marítimo Galego en xeral e dos Encontros de Embarcacións Tradicionais en particular. Referímonos ao potencial como elemento de dinamización das comunidades mariñeiras.

Os Encontros dinamizan sectores como a carpintería de ribeira, a velaría, os efectos navais, artesáns, e sobre todo e na medida que se está a protexer, conservar e divulgar o Patrimonio Marítimo Galego, estamos a potenciar os atractivos turísticos das comunidades da beiramar axudando a un turismo sostible, tal e como recomendan diversos proxectos en marcha da Comunidade Europea.



22 anos da FGCMF

A Federación Galega pola Cultura Marítima nace co primeiro Encontro en 1993, ainda que legalmente constituiuse en 1994 no coloquio desenvolvido no I Encontro de Ribeira xa se falou abertamente da creación da Federación. Ao pouco nomeouse o seu primeiro presidente, funcionando como Federación de “feito”, cando índa non o era “de dereito”.

Nestes 22 anos a FGCMF pasou de ter media ducia de membros a preto de 50 entidades asociadas na actualidade, con presenza desde Burela no norte de Galicia ata Vila do Conde en Portugal. E constituise de facto no foro onde os interesados no patrimonio marítimo e fluvial poden atoparse, colaborar e intercambiar experiencias.

Outro dos aspectos do traballo da Federación foi representar fora do seu territorio ao patrimonio galego. Xa fose en terras de España ou Portugal, ou fora en eventos como a Festa de Douarnenez ou a Festa de Brest, onde Galicia foi convidada de honra en 2008.

Para difundir o traballo dos seus asociados e en xeral todo o relacionada co patrimonio a FGCMF mantén un sitio web http://www.culturamaritima.org/ e edita a revista Ardentía, da que se editaron 7 ata o Encontro do Freixo-Outes no 2013.

Por último a FGCMF forma parte de European Maritime Heritage, para axudar que a o patrimonio galego, e en xeral o do sur de Europa, teña visibilidade diante das institucións europeas.

MEDRE O MAR!

ENCONTRO CABO 2015

PRESENTACIÓN POR XURXO SOUTO DO XII ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS DE GALICIA, VIDEO DE PABLO CHOUZA

Posted by EncontroCabo2015 on Miércoles, 17 de junio de 2015